Un sistema perverso (pero lucrativo)

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña, Cancións sublimes, Vídeos | Posted on 17-10-2010

 

A democracia é o último refuxio do capitalismo”

(Lema anarquista)

 

A nosa sociedade está dirixida por xente insá

que persegue obxectivos insáns.

Estamos en maos duns maníacos

que perseguen uns fins maníacos...”

(John Lennon) 

 

O hardware do sistema capitalista é tan mal intencionado, tan retorto, tan hipócrita, tan perverso que foi quen mesmo de converter a traxedia dos mineiros chilenos nunha ben lucrativa película: a noticia máis vista na historia da televisión. Raros foron os compañeiros xornalistas que durante estas semanas, no canto de estrullar os detalles morbosos, lacrimóxenos, sensacionalistas do “rescate”, se atreveron a falar das vergoñentas razóns que provocaron ise desastre: a explotación á que cadora está sometida esa clase traballadora e, máis concretamente, ises pobos indíxenas, e as condicións inhumanas nas que se consumen.

Nin Deus deu un chío. Dende o Papa ó Rei de España, dende o Presidente de Francia ó de Estados Unidos, ningún mandatario alzou a súa voz pra denunciar iste novo atentado contra os dereitos humanos que continúan a violarse en tódolos recunchos do planeta (incluídos, abofé, os dos devanditos).

         Catro exemplos:

1- No que levamos de ano, xa morreron en Chile trinta e dous mineiros (un diles hai apenas uns días) e é moi probable que non remate o 2010 sen que esa cifra iguale ou supere á dos trinta e tres superviventes da mina de San José.

2 – Os distintos movementos político-sociais da esquerda internacional levan dende a súa orixe loitando contra a explotación laboral infantil. En España, xa no 1908, durante o I Congreso de Solidariedade Obreira (o antecedente da CNT) se abordou esta lacra. Mais agora, case que dous séculos despois daquiles primeiros berros fronte a inxustiza, cántos nenos e cántas nenas continúan a ser explotados no mundo? O propio Mario Gómez, o mineiro chileno máis veterano do grupo, enfermo de silicose e de pneumonía, comezou a choiar ós doce anos! E o seu, ende mal, non é un caso insólito senón moi habitual en Chile e en case que tódalas nacións de tódolos continentes.

3 – Tamén a principios de século, os obreiros e os campesiños europeos e americanos xa reivindicaban a xornada laboral de oito horas (e algúns mesmo de cinco horas, pra que así tivesen traballo máis compañeiros e compañeiras). Pero arestora, cántas horas choian ó día non só os mineiros senón a meirande parte dos traballadores dos países ricos – e xa non digamos os dos países pobres? Unha media de doce horas.

4 – Tralo peche da mina de San José, trescentos obreiros quedan agora sen traballo. Trescentos familias quedan sen sustento.

É certo que niste drama con happy end, filmado e retransmitido en vivo e en directo (e do que, como xa nos temiamos, haberá pronto un remake igual ou máis lucrativo) hai heroes e ben heroes, mais tamén moitos viláns: todos aquiles que, unha vez máis, denantes e despois de que sucedese a traxedia, sacaron partido e beneficio da miseria allea. Conseguindo, asemade, o peor dos seus propósitos: a desactivación e a desconcienciación política dos propios explotados que, convertidos agora en estrelas famosas, en “grandes patriotas”, no paradigma mesmo do “espírito de sacrificio” (Juan Carlos I dixit), se prestarán encantados a xogar ó Monopoly.

 

Addendum: Sempre tiven e sigo a ter unha inmensa admiración polos chilenos quen, abofé, demostraron moitas veces a súa afouteza e o seu compromiso durante períodos infernais da súa historia. Mais, precisamente por iso, non podo comprender cómo, no canto de saíren á rúa a festexar o que os seus explotadores e os medios de comunicación que serven a istes denominaron “o éxito dun pobo”, non están a esixir masivamente unha nova lei que regule XA as súas penosas condicións laborais. E, de paso, a caída dos vampiros que lles chuchan o sangue.

 

A tódolos Manueles e a tódalas Amandas do mundo, incluídos os meus avós anarquistas, Manuel Abeleira e Elvira Suárez.

Comments:

(1)Un sistema perverso (pero lucrativo)There are Comments for the