Os aneis

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña, Audios radio, Poemas propios | Posted on 05-12-2010

O día do noso

Enlace metade animista metade druídico

Pagán de todo

 

Rexeitamos os aneis

E demais estereotipos

 

Non había nada no universo

Que puidese simbolizar a nosa unión

Bardante nós

 

Nin sequera aquil casamento…

 

Despois unha mañá en Monforte –

A capital que ti odiabas

Porque ela odiaba os lemavos

María Castaña coma ti –

Coma dous nenos xogando

Mercamos nunha tenda alternativa

Dous aros de coiro

Os máis pobres que atopamos

 

Dous aneis de Saturno

Dúas viortas de pel

Dous xuramentos de sangue…

 

Ti xamais quitabas o teu

Pra nada nin por nada

 

Amabas e escribías

Durmías e soñabas con il

 

Non coma min…

 

Eu extraviei

O meu de contado

Xa non recordo nin ónde

Se cadra dentro de ti…

 

Pra que foren idénticos

Compramos tamén alí

En Monforte na mesma tenda

Outros dous

Costráns

Pero agora de prata

 

Un paso cara adiante un chanzo máis cara ó Ceo

 

E tamén foi alí

No baño dun tren a Monforte

Ó me lavar as maos

Onde o deixei esquecido e

Ó volver desesperado rebuscar entolecido

Xa mo roubara un fulano

Que entrara logo de min…

 

Así

Un tras outro fun perdendo

Tódolos aneis

 

Igual que ó final nalgures

Tamén te perdín a ti…

 

Ti non ti

Aqueloutra mañá a derradeira

Instantánea en que te vin

Novamente en Monforte

Após seis anos de dó e de doenza

Mutua malia todo

O desamor aínda o levabas posto…

 

Eu cando liscaches

Merquei unha nova alianza

Adobiada con runas e

O satélite xiratorio do Eterno Retorno

 

Un anel que xa non quitei

Unha odia que alimentei

O ouroboros que foi devindo

Esta argola no pescozo

 

Os aneis de Xoán Abeleira mp3 

 

Poema inédito da serie As nosas sombras no Xardín de Serralves

Os comentarios están pechados.