Tonantzin

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña, Poemas propios | Posted on 31-01-2011

 

Renovado polo fume do copal
Entro no círculo
Concertado polas 7 direccións
Onde o mundo se asemella
Novamente a si mesmo

Iste é o meu movemento
O movemento que foi a orixe
O gatillo que me dispara
Alén ata o alén de min

Iste é o meu nacemento
Inacabado nacemento
O útero que me procrea
Sen deixar de concibirme

E eu danzo danzo danzo
Coma antes da existencia
Sabendo que o gran espectro
Dos seres que me arrodean
Anima unha soa vida

Os pés baten o chan
Invocando o seu substrato
O humus vindicativo
Que zumega do interior

As mans enfían o ar
Conforman todas as formas
Aprehendendo por un intre
A humildade do seu fluír

E eu danzo danzo danzo
Coma dentro de min mesmo
Sabendo que igual ca todo
Canto alenta niste espazo
Son o centro do creado

Son o centro do creado

Mais de socate as sementes
Das maracas se maian
As peles dos tambores
Se destensan de espanto

E unha man máis poderosa
Cá embriaguez conxurada
Cisca os danzantes
Polo firmamento

NOTA: Durante os últimos anos que vivín en Madrid, contactei cun grupo de “pescudadores espirituais” que practicaban as danzas xamánicas aztecas. A “miña”, aquela coa que máis me enlevaba, era a de Tonantzin, a Deusa da Terra. Su o influxo desa experiencia, e co pulo dise ritmo, escribín iste poema. Poema que hoxe quero dedicar ós meus compañeiros de Fuso Negro e a todas e todos os amigos que o venres pasado acudiron á estrea do noso proxecto.

Podermos

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Estelas | Posted on 24-01-2011

Poder crearmos obras capaces de impulsar á xente a sublevarse e, asemade, capaces de conmovela ata impedirlle que mate…

Concerto/ Estrea de Fuso Negro

Posted by Xoán Abeleira | Posted in concertos, Recitais | Posted on 24-01-2011

O vindeiro venres 28, estreo, estreamos NOVO PROXECTO. Estades tod@s convidad@s:

http://fusonegro.blogaliza.org/

 

Pinganillos

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña | Posted on 24-01-2011

 

Hai xa moitos anos, un amigo estremeño botoume o seguinte conto. O dun labrego que vai ver o médico de cabeceira porque ó home lle dera “unha dor ben forte no minganillo”. “Mire –respóndelle o médico–, iso tenllo que revisar o especialista.” Daquela, o labrego acude ó urólogo, remitido polo seu médico. “Verá, doutor, é que teño unha dor fortísima… eiquí… xusto nesta parte do lombo.” “Como o lombo?”, retrúcalle o urólogo, pampo. “E, entón, por que o seu médico o mandou a min? Que lle dixo vostede?” “Eu… Pois… que me dera unha dor ben forte no minganillo.” “E que diaños é o minganillo?” “Pois o nome do lameiro onde estou a apañar patacas!”

            Asieu. Eu heilles ser tan inculto coma aquil médico de cabeceira porque ata hai ben pouco ignoraba qué carallo esa iso do pinganillo. E agora que xa o sei, non comprendo en absoluto o rebumbio que se armou esta semana polo custo dises trebellos que, xunto co soldo dos intérpretes que falan a través diles, apenas supón o 0,6 % do orzamento bruto do Senado español. A min, pola contra, parécenme súper útiles, súper necesarios. É máis, penso que todos deberiamos ter un: un chintófano dises, en conexión directa co noso intérprete interior e/ou exterior (dependendo das crenzas de cadaquén), que nos axudase a comprendernos a nós mesmos e a entender a cadora máis absurda realidade que nos axexa. Cata! Imaxinan? Poder recibir mensaxes directos do Si Mesmo, do Dao, do Atman, do Rigpa ou de calquera Deus? Mesmo traducidos xa por un médium. Un profeta. Un vidente. Un rishi ou un anxo! Que marabilla! Canta maldade se evitaría no mundo! Cantas ruindades deixariamos de cometer e cantas parvadas de facer!

            Si, agora véxoo clarísimo. Eu pensaba que todos os problemas que arrastra iste país, Galiza, debíanse a dúas causas lamentables: a falla de unidade da esquerda (ou sexa, o sectarismo e/ou o arribismo político) e a falla de dignidade, da esquerda e da dereita, coma pobo. Pero non. Todas as desgrazas que seguimos a aturar proveñen da falla de conexión que temos co noso cerne e co noso celme, e da falla de intérpretes reais, asisados, lúcidos, sabios que nos traduzan as mensaxes da Terra e do Ceo, do Mar e do Vento que nós, ignorantes de nós, quer non escoitamos, quer non somos quen de descifrar. Afastados, ai, do Verbo Primordial e das súas fontes, no canto dun bo pinganillo, temos os mass media: indignos sucedáneos. No canto de intérpretes conscientes do seu oficio, temos os políticos: innobres afeccionados. E, daquela, chóvennos lagostas. Pragas a cachón. 

 

            Addendum: No tocante ás senadoras “galegas” do PP, María Jesús Sáinz e María Dolores Pan, tan só comentarei unha cousa. Negárense a empregar a lingua propia do seu país aseverando, secasí, que aman moito Galiza, a súa terra e os seus costumes, é –figuradamente falando– como dicir: “Eu quero moitísimo a miña mai. Xúrollelo! Con toda a miña alma! Pero a min… esa vella odiosa… tanto me ten!” Unha actitude, xaora, penosa e contraditoria, aínda que, no fondo, é a mesmiña, mesmiña da maioría dos “galegos”.  

Un cadro de Tono Galán que Tono Galán non viu

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Fotografías de meu | Posted on 23-01-2011

O lObO

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Fotografías de meu | Posted on 23-01-2011

Alén

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Comentarios fóra de lugar | Posted on 22-01-2011

Clint Eastwood Clint Eastwood Clint Eastwood Clint Eastwood Clint Eastwood… Quen me coñecen ben, saben da miña afección non xa pola súa carreira cinematográfica (que tamén) senón polo seu desenvolvemento coma ser humano. “Hereafter” (Alén, en galego, “Más allá de la vida”, en castelán) reafirma a miña necesidade interior de escribir un libro verbo dos temas da súa obra e a súa vida cos que me sinto identificado.

Tanto me ten xa se as películas que fai son magníficas ou non tanto (Alén gustoume moito, aínda que a visión da morte estea un tanto edulcorada). O que realmente me interesa é o que pensa Eastwood. A súa evolución -insisto- coma persoa.

Polo demais… Ai, esa Cecile de France!

Blackout

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Poemas propios, Vídeos | Posted on 22-01-2011

http://vimeo.com/19048509

Entrevista no “Diario Cultural” + audios de “As nosas sombras no Xardín de Serralves”

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Audios radio, Poemas propios | Posted on 21-01-2011

Hoxe, ás 15.00 horas, entrevista no “Diario Cultural” da Radio Galega verbo d’As nosas sombras no Xardín de Serralves. Velaquí tedes os audios dos poemas que foron emitindo esta semana:

A LAXE

BLACKOUT

NABOS

O ICHO

O PRIMEIRO POEMA

Eu quero a miña mai?

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Comentarios fóra de lugar | Posted on 19-01-2011

As senadoras “galegas” do PP, María Jesús Sainz e María Dolores Pan, rexeitaron empregar por primeira vez na historia a lingua galega no Senado do Estado español, argumentando que “soy gallega y amo a Galicia, a mi tierra y a mis costumbres [sic], pero voy a hablar en la lengua en la que he hablado estos últimos tres años”.  O cal -figuradamente falando- é como dicir: “Quiero mucho a mis padres pero, por mí, que se mueran!”

En canto á actitude dos políticos coma o Presidente de Extremadura ou coma o Presidente do Congreso respecto ó uso do resto das linguas peninsulares no Senado… En fin: xa lles vale.