Modas

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Comentarios fóra de lugar, Estelas | Posted on 28-02-2011

Coa Poesía NON se xoga, porque:
a) Ela salvoulle a vida a moita xente en momentos terribles da súa existencia;
b) moita xente se xogou e segue a xogarse a vida por Ela, e
c) moita xente perdeu a vida por Ela.
Cando menos, tal e como a eu a entendo.

————————————————————————–

A Poesía vive un dos momentos máis penosos da súa historia, cando os e as poetas de moda saen nas revistas de moda. Unha época na que a maior arte que existe é, non xa simplemente a moda, senón a arte de estar de moda.

Capeliñas

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Comentarios fóra de lugar | Posted on 28-02-2011

Capeliñas, capeliñas, capeliñas… Olle onde olle, cheo de mágoa, de vergonza allea, non vexo máis que capeliñas. Capeliñas políticas. Capeliñas sindicais. Capeliñas artísticas. Capeliñas xornalísticas. Capeliñas académicas… Capeliñas por acó e por aló nas que iles/elas fornean o pastel que logo só iles/elas papan. Mamoneo, moito mamoneo. Caciquismo. Amiguismo. Sectarismo. Unha interminable rede social de redes… de corrupción.

Alén, de Clint Eastwood

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña | Posted on 27-02-2011

Igual que cada ano dende hai un lustro, acudo, entusiasmado de antemán, á miña cita con Clint Eastwood. Tanto me ten que a película que estree sexa xenial, boa ou irregular. O que me fascina do actor e director estadounidense non é tanto a súa traxectoria cinematográfica coma a súa traxectoria vital. O devir do seu pensamento e do seu espírito.

            En Hereafter (Alén, en galego, Más allá de la vida, en castelán) volven aparecer case que todos os temas da obra de Eastwood que a min me interesan especialmente, e verbo dos cales espero escribir como cómpre algún día.

            Velaí está, xaora, o tema da violencia, o eixo central da súa carreira pero que en Alén, lóxica e consecuentemente, xa non é o tema, o eixo da película. Despois de Gran Torino, onde o protagonista, por vez primeira na andaina de Eastwood, renuncia a empregar á violencia pra “facer xustiza”, tras comprender que a violencia xera violencia, que a violencia é sempre violencia, e, daquela, que non hai unha violencia “boa” e outra “má”, veu Invictus, unha defensa innegable da non-violencia. Agora, con Alén, Eastwood riza o rizo, denunciando a violencia globalizada diste sistema perverso que está enfermándonos a nós e, xa que logo, convertendo o planeta na antesala do Enfer.

            Coma, ai, todo o mundo, as personaxes de Alén son vítimas dalgunha violencia. Pero aquí, nesta fita, nin elas desexan vingarse nin hai pistoleiro ningún que se vingue por elas. Nun mundo sobrado de inxustizas, o único Xuíz real que parece facer xustiza é… a Morte. A fin da que ninguén pode librarse e na que –parece dicirnos Eastwood e nos aseveran os místicos de todas as épocas– padeceremos, sinte do proceso da morte en si, as consecuencias de todos e cada un dos nosos actos. Pois segundo haxa sido a nosa vida así será a nosa postmortem. (Iso que os budistas chaman “o bardo do devir”, posterior ó do pasamento e anterior ó do renacemento.)

            A película (película incómoda, da que algúns espectadores se saen porque, coma a maioría da xente, non queren nin sentir falar da morte) principia cunha terrible secuencia que xa forma parte da historia do cine: a do maremoto que arrasou varias costas do Océano Índico a finais do 2004. Sempre houbo tsunamis, en todas as épocas, pero tan só se producían cada moito tempo. Arestora, cada vez son máis frecuentes. Coma os terremotos, os ciclóns e as demais catástrofes. Por iso estou certo de que, en Alén, Eastwood está a bisbarnos que esa acción destrutora da Natureza é consecuencia natural da violencia que nós, burricáns de nós, estamos a exercer contra ela.

            Como dixen, todas as personaxes de Alén son vítimas dalgunha caste de violencia: social, económica, laboral, familiar… mesmo persoal (a que elas se infrinxen a si mesmas, coma Jackie, a mai soa, infeliz, drogadicta de Marcus e Jason). Todas son ou deveñen, en mor ou menor medida, seres marxinados. Pero, como dixen, ningunha delas quere vingarse. Ó contrario: todas son ou deveñen persoas ben sensibles ó sufrimento alleo. Por que? Porque todas padeceron, directa ou indirectamente, a experiencia da morte.

            Dada a temática central da película, é lóxico que canda ela apareza outra das obsesións do director: a relixión organizada e xerarquizada –que non hai que confundir coa espiritualidade–. Con ela, con esa sorte de lobby (Marie dixit), Eastwood volve amosarse implacable. Hai moitas frases e escenas que o demostran pero, igual que en Gran Torino, a máis crítica de todas é a do funeral. Cando incineran o neno Jason, a mensaxe do director e do guionista, Peter Morgan, non pode ser máis clara: as relixións non só non dan resposta ó misterio do pasamento senón que non axudan, de maneira ningunha, ós familiares do finado. Son –por dicilo en prata– unha andrómena. E unha andrómena que, ademais, xera violencia (no caso dos fundamentalismos, en xeral, e terroristas, en particular, representados na película polo atentado cometido en Londres no 2005).

            Tamén aparece, cómo non, en Alén o tema do azar. Isto é: cómo un feito casual pode cambiar, ende ben ou ende mal, a nosa vida. Se Marie sofre o maremoto é porque Didier, o seu xefe e amante, divorciado, prefire ficar no hotel durmindo no canto de ir mercar, il, un agasallo prás súas fillas. (Ou sexa, Marie, unha muller xenerosa, sofre as consecuencias dunha acción egoísta que, secasí, non lle bota en cara a Didier, tan só llo lembra, noutra escena da película). Se Jason, após ser atacado por unha panda de desgraciados, morre atropelado por un coche é porque il, nun intre, decide ir á farmacia, mercar un medicamento pra que a súa mai poda desengancharse, no canto do seu irmao, Marcus, a quen ela, Jackie, lle pide primeiramente o favor. E así todo. Coma en Mystic River ou coma n’o Troco.

            Por último –xa que non podo alongarme máis aquí– comentar que, igual que noutras películas de Eastwood (As pontes de Madison, Million Dollar Baby…) o escritor paradigmático, metafílmico e metafísico, era W. B. Yeats, nesta é Charles Dickens. Non xa porque iste, en efecto, se interesou moito polo ocultismo e o espiritismo senón porque hai detalles na fita directamente quitados dos seus célebres relatos sobre estantigas. Un dises detalles, clave (o feito de que cada vez que alguén lle roza a mao a George, o verdadeiro vidente, iste albisque os mortos da persoa que o toca) está sacado concretamente d’O xuízo por asasinato: un conto pra tomar cun chisquiño de sal… e aturar así o desacougo.  

O Río Catasol

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Fotos alleas, Poemas propios | Posted on 27-02-2011

A corrente,

Chea xa de lamber

As cores das súas feridas,

 

Elevouse

Corpo á terra,

Ceo a dentro,

 

Á procura do máis

Sol.

 

Do libro inédito Pan de Ánimas

Foto de A. J. Caro Otero

Poesía meu amor

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Estelas, Fotografías de meu | Posted on 26-02-2011

 

Canto máis nos negan máis nos afirmamos

Poesía meu amor o mistoiro do Misterio…..

Amo un río

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Fotos alleas, Poemas propios | Posted on 26-02-2011

 

Amo un río

Un río tenme

Enmeigado…

 

(As parellas fan

As súas beiras

Para escoitarse

A si mesmas

 

Eu acudo só

Para sentilo

Nil…)

 

Amo un río

Un río tenme

Ó seu lado………………………………………………………………………………………………

 

Foto de Breogán Prego

Tolos

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Comentarios fóra de lugar | Posted on 25-02-2011

Os pobos, aloulados, aúpan un aloulado que, por mor do seu poder, acaba toleando. Os líderes tolos do mundo apóianse, ármanse e enriquécense a costa dos seus pobos. Ata que istes se fartan de tanta miseria, “rebélanse” e elixen outro aloulado que, por mor do seu poder, devén un outro tolo…

http://www.es.amnesty.org/noticias/noticias/articulo/la-coalicion-armas-bajo-control-denuncia-que-espana-ha-vendido-armamento-a-paises-donde-se-estan-p/

Andreas Feininger: The photojournalist

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Fotos alleas, Propostas culturais | Posted on 22-02-2011

http://www.march.es/arte/palma/exposiciones/feininger/feininger.asp

http://en.wikipedia.org/wiki/Andreas_Feininger

Mystic River, de Lyonel Feininger

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Obras de outros artistas, Propostas culturais | Posted on 22-02-2011

http://en.wikipedia.org/wiki/Lyonel_Feininger

 

“Na época na que os nenos inventaban contos…”

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Audios, Poemas propios | Posted on 22-02-2011

Preludio Animais

Gracias a Tono Galán, sempre cómplice,

por realizar as mezclas.