Zabutsu shi sabutsu su

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Fotografías de meu, Haikus, Poemas propios | Posted on 03-03-2011

 Onda unha vela

Acubillado nun

Aprofondar

 

Do libro inédito Uguisu.

Comentario: 

Ó tratarse dun poema verbo da meditación, iste haiku podería incluírse dentro da clase “haikus relixiosos”, de non ser porque: a) o budismo non é unha relixión senón unha “ciencia da mente, do espírito”; e b) a meditación é unha vía de coñecemento que calquera persoa, relixiosa ou non, pode percorrer.

            O título do haiku –un lema clásico do budismo zen– adoita traducirse así: “Sentar coma un buda pra devir un buda” –e, xa que logo, acadar a iluminación.

            O primeiro verso entraña un xogo de palabras: “A carón dunha vela”, mais tamén “onda (d)unha vela”, aludindo ás “ondas luminosas”, ás partículas de luz que irradia a vela, sempre “ondulante”, sempre cambiante.

            A vela aquí simboliza varias cousas. Por unha banda, a iluminación. Por outra, os dous tipos de conciencia que posuímos: a base da “conciencia luminosa” (rigpa, bodhi), nubrada polo noso ofuscamento, e a “conciencia corrente” (manas), a que nos domina cadora, e da que somos escravos. Igual cá vela, tanto a unha coma a outra son “fonte” constante de pensamentos, imaxes, sensacións… E, igual cá vela, están conformadas por unha serie continua de “lapas” que, ó sucederse tan rapidamente, semellan ser unha única chama. Así nós: simple conxunto de “agregados” psicofísicos, en perpetuo cambio, que coida ser un eu inmutable.

            O verbo “acubillar”, do segundo verso, alude tanto á recomendación de Sidhharta Gautama “se o teu propio acubillo” coma ó feito de “tomar refuxio” na Tripla Xema: o Buda, o Dhamma e o Sangha.  De aí que iste segundo verso entrañe outro xogo semántico e sintáctico: “Acubillado nun” (ou sexa, “en si mesmo) mais tamén “acubillado nun aprofondar” (ou sexa no feito de “afondar nun mesmo”, na propia meditación).  

Os comentarios están pechados.