Cuestionario de Manuel Vidal Villaverde: Diario Atlántico de Vigo

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Entrevistas, Fotos alleas | Posted on 14-03-2011

 1.-A poesía, en calquera das dimensións coñecidas, é conditio sine qua non e sine die do teu tránsito vital?

Xaora. Non entendo esta vida miña, en particular, nin a Vida, en xeral, sen a Poesía. De feito, para min a Poesía (no só a escrita) é unha vía de coñecemento da Vida, dos distintos estadios do Real. E, no meu caso, a vía complementaria da “vía espiritual”: a meditación.

2.- Hai palabras deshabitadas?

Si, e abandonadas, coma as aldeas. Ende ben, o galego, malia todo, segue a ser unha lingua na que as palabras aínda están conectadas co seu birillo primordial, a súa Raíz Nai. Algo que a min me fascina.

3.- O señor Swan (de Proust) era realmente un snob?

Proust, ai, segue a ser unha desas miles de lecturas que teño pendentes! De tódolos xeitos, prefiro os snobs ós lambecús.

4.- Agora mesmo, Xoán, brevemente, que che suxire o devalo do mar na atardecida?

Que para ter unha boa morte hei levar unha boa vida: devir unha persoa sabia e compasiva.

5.- Despois do libro que recentes publicaches, qué outro fará caltrir as vellas feridas do vivir?

Tardei moitos anos en ser quen de escribir As nosas sombras no Xardín de Serralves. E se finalmente decidín publicalo foi xusto para iso: para sandarme. Como dixo un xamán siberiano: “Cando canto, a miña doenza esvaece.”

Entrevista publicada n’A Revista do Diario Atlántico de Vigo

Fotos da Pequena Suricata, quitadas durante a estrea de Fuso Negro:

 http://www.facebook.com/pequenasuricata

Versión PDF: Entrevista Atlántico

Os comentarios están pechados.