Estelas (I)

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña, Estelas, Fotos alleas | Posted on 21-03-2011

 

  • O meu obxectivo coma creador: “Devir un poeta primitivo”. O meu obxectivo coma persoa: “Devir un verdadeiro retraído”, consonte a antiga acepción diste adxectivo: “Dicíase de alguén refuxiado nun lugar sacro”. Isto é: acubillarme na Tripla Xema budista: o Buda, o Dhamma e o Sangha. E na superrealista: Poesía, Amor e Liberdade… reais.
  • Ser, coma aquil “somnámbulo magnético” vinculado ós Rosa Cruces, un “espello infatigable” do noso “axente descoñecido”.
  • René Char: “Eu non confundo aquiles que loitan polo seu pan con aquiles que barrenan co pastel” (ou sexa, “que coidan en cómo sacar tallada do pastel”, brioche, en francés, termo que alude familiarmente tanto á “necidade”, á “estupidez” coma “ó benestar burgués”: avoir de la brioche, te-la “curva da felicidade”, criar bandullo).
  • Capeliñas, capeliñas, capeliñas… Olle onde olle, cheo de mágoa, de vergonza allea, non vexo máis que capeliñas. Capeliñas políticas. Capeliñas sindicais. Capeliñas artísticas. Capeliñas xornalísticas. Capeliñas académicas… Capeliñas por acó e por aló nas que iles/elas enfornan o pastel que logo se reparten e papan. Mamoneo, moito mamoneo.Caciquismo. Amiguismo. Sectarismo. Unha interminable rede social de redes… de corrupción. Pero eu, ai, aburrinas. Aburrín todo iso. Non quero saber máis. Estou cheo de indignación. Farto de ver cómo incluso amigos que eu apreciaba trafican entre iles.
  • Olga Novo: “No templo comérciase co teu amor…”
  • A Poesía vive un dos momentos máis penosos da súa historia, cando os e as poetas de moda saen nas revistas de moda (e algúns, mesmo publicitándoa). Unha época na que a maior arte que existe é, non xa simplemente a moda, senón a arte de estar de moda.
  • Char: “Non se pode coquetear coa Poesía: hai que dar todo por Ela.” Xaora. Coa Poesía NON se xoga, porque: a) Ela salvoulle a vida a moita xente en momentos terribles da súa existencia; b) moita xente se xogou e segue a xogarse a vida por Ela; e c) moita xente perdeu a vida por Ela. Cando menos, tal e como a eu a entendo. (P.S. “E qué é xogar coa poesía, se pode saberse?”, preguntoume unha compañeira. “Xogar ó Monopoly”, retruqueille. “Traizoar a quen se ama.”)
  • Poñéndome ironicamente materialista, ben podo comprender que algunhas estrelas do rock actúen diante dos ditadores e dos mafiosos do mundo por un millón de dólares. (A fin de contas, os presidentes de todas as “democracias” tamén comercian con iles, e logo fan coma as estrelas de rock: xurar que ignoraban con quén era o trato.) O que non me cabe na cabeza é que algúns creadores vendan a súa dignidade por “un acordo entre amigos” de infinita menor cuantía, un posto –coma todos– transitorio de poder ou mesmo por unha boa crítica. Calquera, calquera cousa con tal de tirar proveito.
  • Unha de dúas: quer eu teño vergonza de máis, quer hai xente que non ten ningunha.
  • No mundo da cultura, coma no mundo da política e no mundo en xeral, hai xente que dá a cara e xente que ten moita cara. E o malo é que, de fixermos dúas listas paralelas, os segundos gañarían por goleada.
  • Sobrar, sobran poetas, si. Pois os que non viven nin actúan coma tales non lle fan ben ningún á Poesía.
  • Se, como afirma a Lei do Karma, a Lei da causa e o efecto, unha má motivación non pode xerar unha boa obra, cál debe ser a nosa principal motivación á hora de crear? O diñeiro? A sona? O pracer persoal?
  • O útil non é case que nunca o necesario. O necesario está moi por enriba da súa utilidade. E xa non digamos o vital, todo o natural = relativo á Natureza.
  • Pra sentir esa voz –ou esas voces– coa(s) que desexo escribir, hei deixar de pensar. Ser Cezanne, que comentou: “Cando comezo a pensar, estrago todo.” E Cartier-Bresson, que sempre citaba esa frase ó falar do “instante decisivo”.

          En galego, coidar ten tres significados: matinar/barrenar, maxinar e coidar, stricto sensu. O único realmente necesario pra crear é o terceiro: coidar/fitar o que fas e coidarte/fitarte.

         Sei dalgúns compañeiros que denantes de escribir un poema, un libro pénsano, planifícano, estrutúrano… escarállano. Pois a premeditación é antítese da meditación. Crear é outro xeito de meditar. E meditar non é reflexionar senón xusto o contrario: observar o pensamento sen identificarse con il.

         Se cadra a escrita automática que buscaban os superrealistas sexa iso: fitar o pensamento… as mensaxes que nos envía esa parte interior de nós -o Inconsciente, o Si Mesmo, o Atman…-   e plasmalas tal cal. Se cadra pra sentir esa voz que desexamos transmitir transcendéndonos cómpre… deixar de desexala… cesar de arelar.

  • A linguaxe dos poetas é unha linguaxe inflamante e inflamada. A dos críticos e os catedráticos, unha linguaxe inflada.
  • A literatura é unha maneira de gañarse a vida. A Poesía, o xeito de existir.
  • Daquela… Se é certo que xa non é posible a herba, entre o pavimento e a lama, elixo a lama.

Foto: “Alone”, da Pequena Suricata:

http://www.pequenasuricata.com/

Comments:

(2)Estelas (I)There are Comments for the