A voz de Pasolini

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña, Vídeos | Posted on 03-04-2011

 

O cineasta Paulino Viota, canda o cal tiven o privilexio de ver a mostra, sinaloume un detalle do que eu probablemente non me tería decatado de ir só. Consonte se le na derradeira páxina do guión de Mamma Roma (1962), tralo pasamento do seu fillo Ettore, atado a unha mesa de tortura, coa mesma, tráxica traza do Cristo morto de Mantegna, a súa mai, suxeita polos veciños que impiden que se guinde pola fiestra, debía soltar iste “berro desesperado que é, asemade, un ouveo de fera e unha acusación: Os responsables! Os responsables! Os responsables!” “Pero Pasolini –díxome Viota–, sempre tan lúcido, tan intelixente, e malia ter todos e cada un dos planos coidados de antemán, preferiu rematar a película coa ollada da Magnani fitando a cúpula do cárcere (símbolo do sistema opresivo)…” Ollada que, xaora, berra, acusa infinitamente máis que calquera frase.

            A voz de Pasolini: primeiros apuntamentos dun ensaísta cinematográfico, a exposición que remata esta semana cun ciclo das mellores obras do director e poeta italiano, xira ó redor de sete documentos audiovisuais: tres dos abraiantes “Diarios sonoros de Mamma Roma” que Pasolini gravou nun magnetófono e logo transcribiu durante unha pausa da rodaxe da súa segunda película; o appuntamento fílmico “pra unha Orestiada africana”; unha entrevista de Carlo di Carlo con Pasolini, verbo da súa vida e da súa obra; outra co propio di Carlo, falando sobre o seu amigo e colaborador, e máis un breve documental sobre a problemática rodaxe de La Rabbia (o outro film-eixo da exposición).

            Complementándoos, o/a visitante que acuda á Fundación Luís Seoane achará unha manchea de documentos igual de interesantes: fotografías de diversas rodaxes de Pasolini quitadas por Angelo Novi; exemplares dos guións orixinais; fragmentos das películas proxectados en vídeo; manuscritos, poemas e debuxos do corsario asasinado, sinte dunha vintena de reflexións, reproducidas nas paredes, tan impactantes coma esta: “Se conseguín transmitir o que quería transmitir en Accatone –poñamos, por exemplo, a grandeza épico-relixiosa destas personaxes miserables–; se conseguín amosar esta a través dos estilemas da miña película, do ritmo da narración, do xeito no que eu movo estas personaxes, da atmosfera nas que as mergullo, a través da luz, do sol, do ambiente que as arrodea; se conseguín transmitir esta idea delas é que as amo de verdade. Se, pola contra, fracasei niso é que o meu amor non é sincero… A redención provén do estilo, así que… se fracasei estilisticamente, ou sexa, se non conseguín o resultado estilístico axeitado, daquela, o meu amor non é sincero; daquela, hei intentar amar aínda máis.”

            Denantes de abandonar o fermoso edificio ideado por Creus e Carrasco, fico un intre diante dun dos poemas que Pasolini quixo empregar nise “experimento” lírico-político que ía ser La Rabbia, tal e como il o concibiu. Un poema sobre a “Liberación de Togo”, cuxos catro últimos versos dicían: “Xente de cor, é na dignidade/ Onde o home non ten cor// A única cor do home/ Está na dita de enfrontar o propio mal.” Pero Pasolini cambiou o derradeiro verso, deixándoo así: “A única cor do home/ [está] na dita de enfrontar a propia escuridade.”

 

Os comentarios están pechados.