Dez anécdotas reais sobre o galego

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña | Posted on 25-04-2011

Traballo nunha célebre xoguetaría, o catálogo da cal, traducido por min durante un tempo, existe na nosa lingua por iniciativa miña. N’A Cruña hai dúas franquicias. De todos os dependentes que traballan nelas, tan só dous falamos en galego: unha rapaza colombiana, de orixe indíxena, que se namorou de todo o noso após ler a Álvaro Cunqueiro, e máis eu, fillo de emigrantes, nado en Venezuela e criado en Madrid. O resto –rapazas galegas e que estudaron o galego– empregan o español.

            -Velaí estou eu. Na tenda. Falando en galego con todo o mundo agás con aquelas persoas que, obviamente, proceden de fóra. Por cortesía cara a elas –cortesía que, cando un viaxa fóra do seu país, rara vez atopa– e porque eu, ende ben, coñezo varias linguas. Un día, unha pequena nada, a todas luces, na Galiza, cun acento claramente cruñés, ó sentirme falar en galego, achégase a min, entre pampa e desconcertada, e pregúntame: “Mira… Y tú… ¿por qué hablas en inglés?

            – Outro día vexo entrar un cativo. Sorríolle: “Bos días, feituquiño!” O pequeno vólvese cara ó pai que vén tras dil e con innegable acento do país lle berra: “¡Papá, papá! ¡Aquí dentro hay un señor que es gallego!” E o pai retrúcalle, con traza de indignado: “¡Hijo! ¡Aquí todos somos gallegos!

            – Unha mañá sen actividade. Tan só estamos na xoguetería un señor e máis eu, cando chega outra persoa. “Boas tardes. Podo axudala en algo?” A señora, no canto de responderme, bota un bufido e comeza a pasear pola tenda coa vista alzada, ollando prós recunchos do teito da tenda, ata que, en saíndo o señor que entrara denantes ca ela, vén cara a mi, paseniño, mirando a un lado e a outro como para asegurarse de que, en efecto, estamos os dous sós, e bísbame ó oído: “Oiga… Usted habla en gallego porque le obligan, ¿verdad?” “Non, señora”, respóndolle cunha mágoa a que, ende mal, xa estou a afacerme. “Eu falo en galego porque estamos na Galiza, porque é a nosa lingua e porque me gusta.”

            E que diaños buscaba a muller polo teito?, coido eu despois de que ela marche. Cámaras de seguridade internas! Pensaba, ai, que alguén estaba a vixiarme! O Gran Irmao Impositor, si!

            – Unha muller, con traza de labrega, sube ó autobús canda a súa filla adolescente. Logo de pagar, a rapaza diríxese a ela –coma sempre, obviamente–, en galego. A muller ponse rubísima de vergoña e, en voz ben alta, pra que todos a sintamos, xirándose ora cara á súa filla, ora cara á nós, os pasaxeiros do autobús, rífaa: “¡Ha! ¿Y tú por qué me hablas ahora en gallego? Porque en la casa hablamos siempre, siempre en castellano…

            – Entro nun bar de Elviña. O camareiro está a falar en galego con algúns seareiros habituais. A min non me coñece. “Un café con leite, por favor.” “¿Cómo lo quiere: en taza o en vaso?”, pregúntame il. E eu, pra que se decate do absurdo da situación, dígolle sorrindo, chanceando: “Pero, ho, a istes señores fálaslle en galego e a min en castelán. Por que? Acaso son eu menos ca iles?” “Pois tes razón”, comprende il. Ende ben.  

            – Soa o teléfono. “Xoán?” “Si, son eu.” “¿Qué es eso de son eu, son eu?”, rífame unha voz que me parece coñecer. “¡Que soy X, tú!”, confírmame unha amiga madrileña, poeta, culta e que fala varias linguas. “A mí háblame en español, ¿eh? Nada de gallegadas…” (Ende mal, iso acontéceme dabondo. Moitos amigos españois, artistas e de esquerdas, téñenme reprochado o feito de escribir e de falar agora en galego. Cousa incomprensible pra elas e pra iles que, ademais, coma a maioría dos españois, teñen unha idea absolutamente equivocada de ou ignoran por completo a nosa historia, a nosa cultura e a situación sociolingüística que estamos a padecer. Peor aínda: cando parolamos do tema, cando lles explico que o pobo galego, coma tal, corre perigo de extinción, sempre acabo decatándome de que, no fondo, coma á maioría dos españois, tanto lles ten. O seu é unha mestura de ignorancia e de indiferenza –cando non de desprezo, que tamén. De feito, outro amigo polo que, malia a súa incomprensión, sinto unha enorme estima, me confesou aí atrás que “cuando me mandas algún e-mail en gallego, yo lo borro ipso facto, sin leerlo.”)

            – Asisto a un concerto dun cantautor galego, afincado en Francia pero que canta e compón en galego. Á saída do Teatro Colón, mentres converso cunha parella amiga, vexo saír unha coruñesa de toda la vida, cuberta cun abrigo de visón, acompañada da súa filla, á quen lle comenta: “Ay, las canciones te me gustaron mucho, pero, hija, ¡qué manía tiene esta gente de cantar en gallego!”

            – Serán de domingo. Vou no coche coa miña sobriña, buscando unha rúa onde vive unha amiga dela coa que quedou. Ninguén polo rueiro. De súpeto vexo tres persoas maiores: un señor e dúas señoras. Paro. Baixo do coche. “Desculpe”, diríxome a il, “sabe vostede cal é a Rúa Uruguay?” “Sí, la conozco”, dime o señor do abrigo de loden, sorrindo ironicamente. “Pode dicirme onde está?”, insisto, apurado. “Puedo…”, continúa il co seu ar de suficiencia, “si usted me lo pregunta en español.” “Como di?”, sorrío eu sen dar creto ó que escoito. “Digo que si usted me pregunta en español: ¿Sabe usted dónde queda la calle Uruguay?, yo se la indico.” “Non fai falla”, retrúcolle eu facendo un esforzo por conterme e non afogalo alí mesmo. “O único que me faltaba por ver xa é alguén da miña propia cidade, do meu propio país esixíndome que non fale a nosa lingua e obrigándome a falar outra na miña propia cidade e no meu propio país. Abur, señor! Bo serán!”, guíndolle denantes de volver entrar no coche e seguir buscando. Pero o máis gracioso de todo é que, un minuto despois, albisqueino de lonxe todo encabuxado, rubio de ira, facendo grandes acenos e –seguramente– botando pestes de min ás súas acompañantes. Manda carallo!

            – Chego cas meus pais, que viven nunha urbanización do Concello de Culleredo. Ó baixar do coche, vexo dous pequenos, un neno e unha nena, vindo cara a min. “¡Hola!”, dime a cativa duns dez anos, a quen non coñezo. “Ola, amiguiños…” “¿Cómo te llamas?”, pregúntame ela. “Eu chámome Xoán, e vós?” “Pero… ¿tú hablas en gallego?”, abráiase a pequena, con acento galego, arregalando os ollos. “Xaora, porque estamos na Galiza e eiquí somos galegos…”, respóndolle eu ó seu silencio. “A ver…”, intento facerlle comprender. “Ti sabes qué lingua falan en Inglaterra?” “Sí, el inglés.” “E en Francia?” “El francés.” “Ben, pois eiquí, como somos galegos, falamos o galego.” “Pero entonces… ¿a ti te gusta el gallego?”, insiste ela, con cara de noxo. “Claro. A min gústanme todas as linguas. E o galego… encántame.” “Pues yo lo odio”, afirma ela rotunda. “E logo?” “Pues porque en el colegio me obligan a estudiar todas las asignaturas en gallego.” “Iso non é verdade”, dígolle eu, con suavidade. “Ti estudas algunhas en galego, outras en castelán e o resto en inglés, que o sei eu.” “Bueno”, acepta ela, “pero da igual. Yo lo odio de todas formas.” 

NOTA: Podería contarlles un cento de anécdotas, tan incribles pero tan reais coma estas, que sufrín en carne propia durante os doce anos que xa levo vividos na Galiza. Pero pra que? Serviría de algo?

Comments:

(25)Dez anécdotas reais sobre o galegoThere are Comments for the