Xornada de reflexión (postelectoral)

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña | Posted on 22-05-2011

A estas alturas do día, aínda non sei o resultado das eleccións pero ben podo imaxinalo. Gañaron os de sempre. E non me refiro só ó PSOE e ó PP senón tamén ós poderes fácticos que son os seus aliados e/ou os seus donos. A oligarquía político-económica que os mantén e se mantén malia as crises de toda caste que nos provoca. Os faraóns que ordenaron construír a Pirámide do Malestar e mexan por nós dende o cimo.

– O medo. Volveu gañar o medo. A instrumentalización da Música do Medo. “Que veñen os roxos!”, volveu berrar a dereita. “Que veñen os fachas!”, volveu alertar o PSOE. “Que van ficar iles!”, chiou a esquerda. “Que veñen os nacionalistas!”, bearon os españolistas. “Que veñen os españolistas!”, muaron os nacionalistas. E quen veu foi o medo. Quen gañou foi o medo. O medo dos beneficiados de e dos implicados no statu quo a perder o seu estatus. O medo do Estado a que lle toquen os… callóns.

– O medo máis efectivo de todos é o da abstención. “Absterse é votarlles a iles”, ameazaron todos os partidos. Mais qué pasaría se o 70, 80 % da poboación votante se abstivese nunhas eleccións xerais? Ignoro se, como afirman Antonio García Trevijano e outros politólogos, ise resultado obrigaría legalmente a modificar a Constitución e a facer unha nova Transición. Tanto me ten. O certo é que eu soño co día no que tal cousa aconteza, e no que, daquela, a xente que se absteña esixa un outro sistema e impida que o partido elixido en semellante minoría goberne e prolongue iste Absurdo. Ise si que sería un cambio! E quén senón NÓS, as xentes de esquerdas, pode provocalo? Un partido político? Cal? IU? Sinceramente, non o creo. E menos coa Lei Electoral vixente.

– A outra arma de hipnotización masiva que empregan arreo os partidos políticos é a ilusión… óptica. Reilusionar por enésima vez ós que desilusionaron por enésima vez co espellismo doutro Novo Redentor. Xa non acordan a chegada de Zapatero? Mesmo unha chea de artistas e intelectuais apoiárono na campaña, e logo festexaron o seu triunfo nunha chea de artigos, cócteles, pícnics… Os mesmos que arestora están a poñelo podre. E Obama? O primeiro presidente negro de Estados Unidos ía ser a hostia bendita. A ilusoria ilusión encheu os cores. E agora? Obama é ise Premio Nobel da Paz que afirma que ós que non temos o mesmo sentido da Xustiza ca il deberían encerrarnos nun frenopático –ou directamente en Guantánamo–.

– O Poder sempre acaba corrompendo a quen o exercen, porque istes, tarde ou cedo, acaban sempre pactando con aquiles que, dende que o mundo é mundo, manexan o noso destino. Os anarquistas levan case que dous séculos advertíndoo, e os políticos demostrándoo. Pero as xentes, ai, tan ilusas, seguen a ter ós anarquistas por uns ilusos…

– “Se non nos deixades soñar non vos deixaremos durmir”, rezaba unha pancarta na Puerta del Sol. Unha frase fermosa pero pouco efectiva e, daquela, pouco revolucionaria. Soñar é doado. O difícil… Mellor dito, o necesario é levar as arelas, as utopías á práctica. Facer que as demandas se cumpran. Desobedecer as regras inxustas. Ademais, a maioría da xente máis que soños ten sono… Parece durmida de todo. Por iso, no meu caso, o Soño da miña vida é… espertar dil. Liberarme do meu sono e dos soños desta vida.

– Achegueime a unha das concentracións do “Movemento 15 M”, e atopeime co que coidaba que ía achar: unha asemblea popular na que cada quen dixo o que lle petou, expresou como lle petou a súa indignación. Xenial pero… máis nada. É certo que o movemento realizou unha lista de demandas, mais entre elas non hai ningunha proposta de cambio básico, radical, coma por exemplo: “Derrubemos esta monarquía supostamente parlamentaria e realmente corrupta, esta falsa democracia deixando de colaborar con ela.” Nada. Ó contrario. Afirmaron en todas as prazas que iles/elas non están contra o Sistema. E, xa que logo, o domingo os máis dos e das manifestantes foron votar… Cousa, a verdade, incomprensible pra min. Porque:

– Asolagados e asoballados por un sistema vírico que ameaza con destruír non só a Humanidade senón o propio planeta, calquera “revolta” que non sexa antisistema non é, ó meu xuízo, unha Revolta real.

– “Non hai que perder de vista que son iles, os fundamentos da sociedade, os que han de ser abatidos e substituídos. É indispensable atacar as institucións e as formas de explotación tal e como estas se manifestan. Asemade, é preciso destruír a rede de ideas prefabricadas que se inculca ó ser humano dende a súa xuventude, non só nos establecementos burgueses de ensino senón tamén na escola primaria, non só na escola senón tamén nos cuarteis de adestramento, nas igrexas, na familia, nos medios de comunicación e de entretemento (…) Contra o réxime de envilecemento e de cretinización ó cal estas ideas falaces serven de armazón, cómpre chamar incesantemente a conciencia á Insurrección.” (Jean-Louis Bédouin)

– A democracia é o menor dos males? Talvez. Pero segue a ser un mal.

– E coma mostra un botón. A frase máis definitoria da doenza que padecemos pronunciouna esta semana o barón José Luís Baltar: “Ya todo el mundo sabe que soy un cacique, pero a mí me siguen votando.” Pois as dúas cousas son certas.

– Un colaboracionista non é un resistente. Un resistente non colabora co mal.

– O xoves lin a entrevista que a compañeira diste xornal, Isabel Bugallal, lle fixo ó xornalista Jorge Elías. Nela, Elías falaba dos obxectos de luxo que viu lucir a todos os líderes políticos mundiais que coñeceu. E, en rematando, acordeime de Gandhi: se cadra o único líder que morreu con moito menos do que tiña denantes de meterse en política. Case que nada, en realidade. Cando o mataron, Gandhi non mercara un reloxo de 540.000 euros coma Berlusconi, Putin e Schwarzenegger; non era adicto á Blackberry, coma Obama e Zapatero; non ía apegado a un maletín de coiro inglés con letras douradas, coma Mariano Raxoi, nin tampouco non posuía inmobles, empresas nin varias contas bancarias coma todos iles. Cando o asasinaron, o mahatma levaba unicamente o posto: un mantón, un taparrabos, unhas sandalias e un caxato. Ah, e os lentes!

– Lembrei a Gandhi, si. Mais tamén a Manfred Gnädinger: quizais o único creador autenticamente antiburgués, anticapitalista que houbo na Península Ibérica, e cuxo museo, asombrado e esborrallado, talvez sexa un reflexo da nosa conciencia colectiva. 

– O compañeiro César, cantante e compositor do meu rueiro, botoume o sábado iste conto que algúns de vostedes lembrarán. Disque Franco saíu un día ó balcón da Praza de Oriente, e, no seu ton habitual e co seu habitual aceno de maos, dixo: “Españooooolessss… Pero ¿quién vive mejor que vosotros?” E a xente respondeu a coro: “¡Franco! ¡Franco! ¡Franco!” Ben, pois, ende mal, iste conto podería aplicarse arestora ó Presidente do Goberno actual, a todos os seus predecesores e en realidade a todos os mandaríns de todos os partidos políticos.

– Conclusión: sen liberación persoal non pode haber revolución social. Sen revolución interior non hai Revolución posible.

 

[Escrito entre o sábado e o domingo, 21-22 do 2011] 

Os comentarios están pechados.