O Proxecto Cárcere

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña | Posted on 06-06-2011

 En decembro do 2010, no salón de actos d’A Maestranza, reuniuse un cento de persoas de distintos ámbitos da sociedade e con distintas ideoloxías pra artellar e encher de contidos un proxecto que xa levaba meses madurecendo: converter o antigo Cárcere d’A Cruña, símbolo da opresión e da represión franquista, nun espazo cultural e museístico aberto a toda a cidadanía, quer xestionado polo Concello da vila (previa cesión ou venda por parte do Estado), quer autoxestionado por unha comisión creada a tal fin (co beneplácito do Concello e do Estado). Un “lugar de convivencia e encontro”, xa que logo, semellante a outros que xa están a funcionar, como a antiga prisión de Torrero, en Zaragoza, ou, mellor aínda, o Centro Social La Tabacalera, en Madrid –cuxo modelo se asemella máis o que se desexa implantar eiquí–.

            A partir daquela reunión, unha presada de compañeiros e compañeiras conformaron ó doután unha plataforma composta por varios grupos de traballo e un “órgano soberano”, a Asemblea Comunitaria (aberta, á súa vez, a calquera persoa ou calquera colectivo que desexe aportar ideas á iniciativa). Plataforma que arestora, seis meses despois, deveu no chamado Proxecto Cárcere, o cal conta xa cunha páxina web (http://proxectocarcere.saramaganta.info/index.php?title=Portada) e un blog (http://proxectocarcere.blogaliza.org/) nos que se explica o funcionamento do mesmo e os obxectivos inmediatos que as súas e os seus integrantes arelan atinxir:

            “A Plataforma (…) recolle as inquedanzas dos veciños do barrio e da cidade en xeral en torno á idea exposta, e tenta crear un movemento cívico de concienciación do dereito a acadar eses fins.

            A independencia na xestión do futuro edificio é outro dos nosos obxectivos. As fórmulas participativas que se establezan deberán conceder especial protagonismo á capacidade de decisión das asociacións culturais, sociais, veciñais ou educativas que formen parte do proxecto.

            Fuximos de investimentos millonarios e apostamos por modelos sustentables e de aproveitamento dos recursos existentes. Dentro dos modelos de financiamento que se podan establecer, e tentando reducir na maneira do posible a dependencia económica. A autoxestión preséntasenos, daquela, como o medio idóneo pra acadarmos os obxectivos marcados.”

            E como o movemento se demostra andando, a Asemblea do Proxecto Cárcere decidiu principiar a súa andaina demostrando o que é quen de facer. E así, esta semana, os días 8, 9 e 10, celebraranse unhas “Xornadas de Portas Abertas” nas que haberá de todo o bo: teatro, música, artes plásticas, cine, poesía… Tres mañás, tardes e noites nas que intervirán, a nivel persoal ou colectivo, e, abofé, de balde, unha chea de creadoras e de creadores, co único e inestimable fin de apoiaren a iniciativa.

            Secasí, o futuro dise inmoble cuxo horrendo pasado podemos e debemos, entre todas e todos, transformar nun fermoso presente, esclarecido pola luz do Faro, aínda pende dun fío. Mellor dito, de dous. Mormente de nós, do grao de implicación que as cruñesas e os cruñeses, en particular, e as galegas e os galegos, en xeral, asumamos respecto a iste proxecto pensado por e pra nós. Mais tamén dos novos responsables do goberno municipal, sen cuxa axuda, xaora, non daremos esconxurado xamais os inimaxinables pesadelos que sufriron tantísimas e tantísimos compatriotas nosos en aras da liberdade da que agora gozamos.

Os comentarios están pechados.