Catro días de liberdade

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña, Fotografías de meu | Posted on 12-06-2011

 Toda sociedade baseada na propiedade e no anceio de posesións

–a raíz das nosas doenzas– ha de ser abolida.

Ata que iso non aconteza, as persoas e as clases sociais

corromperanse mutuamente.

R. W. Fassbinder 

Durante catro anos, o aspirante a Poeta tivo un soño recorrente. Víase preso nun cárcere, tentaba fuxir dil mais nunca era quen de atinxilo. Quen lle ía dicir que pasaría varios días encerrado nun real pero a mantenta, mesmo con ledicia! Por aquelas e por aquiles que o padeceron de verdade; sen máis delito ca soñaren, ca pensaren, ca viviren doutro xeito

         Durante catro días, o aspirante a Poeta uniuse a esa vintena de compañeiras e de compañeiros que, esquecendo todo aquilo que nos afasta e lembrando todo aquilo que nos achega, deron en artellar, marabillosamente ben, as “Xornadas de Portas Abertas” do Proxecto Cárcere.

         Durante catro días, varios centos de avós e de avoas, de pais e de nais, de fillos e de fillas desta vila ollaron obras de arte creadas e/ou montadas in situ; viron e sentiron espectáculos de música, circo, danza, cine e cabaré; asistiron a diversos coloquios e manifestaron sen pexas, con sumo respecto as súas opinións; pintaron un mural feminista; degustaron pratos de comida solidaria; trocaron as súas pertenzas; compartiron as terribles experiencias das persoas e dos familiares das persoas que foron vexadas, apadumadas, torturadas, asasinadas pola ignorancia brutal da ditadura franquista.

         E, contaxiado polo ambiente libertario que alí se respiraba, fitando ises lampos humanísimos a desintegraren o absurdo, o aspirante a Poeta creu saber por un intre en qué consiste a Anarquía.

         Unidos na Cadea – ou L’Amour Fou

Comments:

(2)Catro días de liberdadeThere are Comments for the