Galegos de máis

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña | Posted on 14-08-2011

Aí atrás chanteime, sen previo aviso, na nova Concellería de Cultura d’A Cruña polo seguinte motivo:

            Uns meses antes das eleccións municipais, contactei cos anteriores responsables da devandita Concellería pra saber se lles interesaría programar no teatro do Forum un concerto de Fuso Negro, o proxecto poético, dramático, escultórico e musical que teño a honra de coordinar. Respondéronme que si pero que a programación xa estaba completa ata setembro. Ende ben, unhas semanas despois, chamáronme pra dicirme que quedara un oco libre e preguntarme se queriamos actuar ise día, o martes 28 de xuño. “Xaora.” E axustamos, polo momento, o pacto verbalmente, co caché máis baixo que temos os meus compañeiros e máis eu: oitocentos euros pra sete persoas (incluído o cámara que grava os concertos). Pero… Chegaron as eleccións e pasou o que pasou.

            Daquela, nós aínda non tiñamos ningún contrato asinado, así que, temendo que os elixidos, os do PP, se negasen a pagarnos o concerto, volvín falar con María Xosé Bravo e con Carme Vilariño pra preguntarlles se podiamos aquelar a situación. Pero elas, aténdose a legalidade vixente (cousa que as honrou) me explicaron que, a dúas semanas do relevo, non podían facer xa ningún contrato.

            Ben. Chegou o día 28 de xuño e actuamos (logo de compoñer varios temas novos, ensaiar unha vintena de horas, realizar dúas esculturas máis prá escenografía e, por suposto, carretar ida e volta todo o material). Chegaron os novos responsables de Cultura, coa galerista Ana Fernández á cabeza, e contactei con iles pra solucionar a cuestión, confiando en que, malia o problema dos papeis, cumprirían.

            Tras varias chamadas telefónicas atendeume unha tal Ruth (non me dixo o seu apelido), quen me pediu que lle mandase toda a información relativa ó proxecto e as causas da miña demanda, pra así estudar o caso e comunicarllo á súa xefa. Mandei a información. Esperei uns días. En van.  

            Como non me contestaban, insistín, teimei varias veces (pensando mormente nos meus compañeiros, non en min, que aborrezo falar de cartos, aínda que mos deban). Ata que, finalmente, me concederon unha cita. Eu coidaba que con Ana Fernández, quen, en teoría, xa debía estar ó tanto do asunto. Pero quen me recibiu foi unha tal Dulce (tampouco me dixo o seu apelido) quen non tiña nin idea de quen era eu nin a qué ía alí. Escoitoume, tomou nota e, igual cá súa compañeira, quedou en falar con Ana Fernández e en responderme ise mesmo día.

            Pasou unha semana, e nada. Chamei outras tantas veces, e nada. Mandeille un e-mail directamente á tal señora Dulce, e nada. Pasaron vinte días, e nada. Así que dei por sentado o que xa maxinara dende o principio: que tanto lle tiñamos, os meus compañeiros e máis eu, á Concellería de Cultura. Por iso me plantei alí sen avisar. Non pra esixir o diñeiro senón unha explicación. E alí fun (iso si: moi tranquiliño, moi ecuánime eu), á primeira hora da mañá.

            Ó chegar pregunteille a unha muller que andaba polo recibidor se estaba a señora Dulce. Díxome que si, a falar por teléfono na habitación de ó lado, cuxa porta vin aberta. Mentres esperaba que esta me atendese, sentín a seguinte conversa sen querelo: “¿Viste? Hoy los de La Voz de Galicia sacan un artículo criticando lo del Ágora (…) Quieren saber si le vamos a dar algún uso a eso (…) Bueno, a ti los periodistas nunca te hacen preguntas comprometidas, je, je (…) Nada, tranquilo: ya hablé yo con los del gabinete de prensa y les dije que inventaran una buena excusa para los de La Voz (…)”

            Inmediatamente despois saíu a señora Dulce e arregalou os ollos en véndome. “Ah… Hola. Imagino a qué vienes pero… No hay nada que hacer. Lo siento.” “Xa o sabía eu –retruquei–. Tan só vin dicirvos isto: que se queredes ser uns bos representantes da nosa cultura, o mínimo que podedes ter é un pouco de educación e responder á xente. Polo demais, deséxoche boa sorte no teu novo emprego: falta che fai. Ah! E ollo co tema do Ágora, que xa sentín cómo vai!” E marchei de alí tan ancho.

            En resumo: que aconteceu exactamente o que eu xa temín denantes de actuar no Forum. Mais, tras ler a entrevista que lle fixo a semana pasada El Ideal Gallego a Ana Fernández e que tanta e tan lóxica indignación causou, agora comprendo a verdadeira razón pola que esta pasou de nós.

            A nova Concelleira de Cultura manexa cartos dabondo pra pagar os cachés de Raphael, de David Bisbal, de Sergio Dalma… de toda a recua de vellas glorias que actuarán iste mes n’A Cruña. Pero negouse en rotundo a soltar os oitocentos miserables euros que, en xustiza, nos debe. Por que? Non porque eu, Xoán Abeleira, non comungue co PP, nin co BNG, nin co PSOE nin con ningunha outra camarilla, e, xa que logo, leve case que dous lustros criticando nesta columna o que creo que cómpre criticar, non. Foi porque o pobre do Fuso Negro, o toliño das Comedias Bárbaras de Valle-Inclán, éche demasiado gallego pra ela.  

Comments:

(1)Galegos de máisThere are Comments for the