A LÓXICA DE GALICIA BILINGÜE

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Artigos de La Opinión de A Coruña | Posted on 27-08-2011

Consonte a “lóxica” dos integrantes de Galicia Bilingüe, todas aquelas persoas nadas na Galiza son galegas, aínda que estas, co seu xeito de pensaren e de actuaren, colaboren coa extinción de todo aquilo que conforma Galiza. Ergo, eu non son galego por dobre razón: porque non nacín eiquí e porque loito pra que Galicia, a súa xente e o seu celme non desaparezan como tales. E as persoas coma Gloria Lago e Marisol Santos son, daquela, non tan senón moito máis galegas ca min.

            Consonte a lóxica de GB, Isabel Pantoja é tan galega coma Marica Campo, por exemplo, e Marica Campo tan andaluza coma Isabel Pantoja, pois as dúas son españolas e olé! Ou (variante): se David Bisbal vivise a partir de mañá en Allariz, o cantante almeriense sería tan galego coma Alfonso Castelao ou Isaac Díaz Pardo.

            Consonte a lóxica de GB, calquera indiano que veranee en Sanjenjo, tolee polas nécoras e o albariño, teña un cabazo no seu chalet e solte “Un canto a Galicia, hey” con bágoas nos ollos é tan galego coma un mariñeiro de Cee.

            Consonte a lóxica de GB, Julio César era tan galo coma Vercingestorix, e Décimo Xunio Bruto (quen, ó seu regreso triunfante a Roma, foi nomeado, de feito, callaecus) tan galaico coma os kallakoi que foron vencidos, reprimidos e obrigados a converterse en “cidadáns” romanos da provincia da Gallaecia.  

            Consonte a lóxica de GB, Pedro López de Aguiar, o bispo de Lugo, era tan galego coma María Castaña.

            Consonte a lóxica de GB, durante a época do Imperio Británico, o Rei de Inglaterra era tan hindú coma Gandhi. 

            Consonte a lóxica de GB, o presidente chinés Hu Jintao e o gobernador de Llahsa son tan tibetanos coma o Dalai Lama e máis ca Matthieu Ricard.  

            Consonte a lóxica de GB, un broker da Bolsa londiniense é tan irlandés coma un labrego de Tuaisceart Éireann.

            Consonte a lóxica de GB, os asturianos que desprezan o bable –e cómo, ai, e cánto(s)!– sono tanto coma aquiles que aínda o falan, escriben, promoven e traballan pola súa supervivencia. Vamos que, consonte a lóxica de GB, Felipe de Borbón é tan asturiano coma Letizia Ortiz, e os dous, por ser príncipes de Asturias e de España, moito máis ca Emilio Robles Muñiz (Pachín de Melás) ou Xuan Bello. (Os Duques de Lugo deixámolos aparte porque, ende mal, separáronse. Pero seren, seren, sonlles tan galegos coma o Padre Feixóo.)

            Consonte a lóxica de GB, ise 13 % de galegos que se sente unicamente español e tan galego coma o 26 % que se sente unicamente galego. (O outro 61 % depende do día, xa se sabe.)

            Consonte a lóxica de Galicia Bilingüe… quen é máis galego? Un “estranxeiro” coma o meu amigo François Davo, que traballa a prol da lingua e da cultura galega, ou un dises galegos que contempla con absoluta indiferenza a súa aniquilación e mesmo a desexa porque, no fondo, odia todo o que é demasiado gallego?

            Abofé, todos os seres humanos que habitamos o planeta Terra somos terrícolas. Mais non todos os seres humanos amamos e defendemos a Terra con todas as súas riquezas, incluída a lingüística. Por exemplo: hai xente á que tanto lle ten que fine a lingua bretona, tanto na propia Bretaña (onde a maioría da poboación se sente xa máis francesa ca bretona, por motivos case que idénticos ós que se dan na Galiza) coma no resto dos países do mundo (onde o tema das linguas alleas non adoita importar ren). A min non. A min dóeme que desapareza o bretón, ou calquera outra lingua do mundo. A min preocúpame realmente o futuro do bretón. E xa non digamos o do galego.

            A “lóxica” de GB non ten, como se ve, nadiña de lóxica, nin é tal lóxica senón pura hipocrisía disfrazada de harmonía. Intolerancia disfrazada de tolerancia. Desprezo disfrazado de aprezo. (Auto)odio disfrazado de “amor”, ai.

            A “lóxica” de GB é a daquiles que ven lóxico que un golpista coma Millán Astray sexa fillo predilecto d’A Cruña/La Coruña/Villa de Negreira. 

            A “lóxica” de GB élles, en fin, a mesma de todos aquiles “galegos” que, dende a invasión dos Reis Católicos, se aliaron cos ocupantes e se dedicaron a explotar, a asoballar e a vexar a inmensa maioría de pailáns que, ende mal, tamén eran galegos: a consecuencia “lóxica” dise terrible proceso aínda sen rematárennos.

Os comentarios están pechados.