Un poema de Henri Michaux

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Henri Michaux, Poemas alleos | Posted on 30-11-2017

O mal é o ritmo dos demais.

 

Por que toco o tambor agora?
Para a miña barreira
Para romper as vosas barreiras
Para franquear a onda crecente de novos empecedores
Para auscultarme
Para tomarme o pulso
Para precipitarme
Para acougar
Para deixar de confundirme coa vila con ELES co país con onte
Para manterme a cabalo firme

 

Contra Versalles
Contra Chopin
Contra o alexandrino
Contra Roma
Contra Roma
Contra o xurídico
Contra o teolóxico
Contra Roma
Tambor á crítica
Tambor moenda
Tambor buxaina
de pé dándolle as costas á foxa
sen dinastía sen bispado
sen protectores sen paralizadores
sen aloumiños sen inclinarse
Tambor do peito da terra
Tambor dos homes co corazón semellante a puñazos
Contra Bossuet
Contra a análise
Contra a tribuna a cátedra o púlpito da Verdade
Para rachar
Para contraatacar
Para contrarrestar
Para machucar
Para acelerar
Para precipitar
Para botar abaixo
Para abandonar o posto de traballo
Para rir na fogueira
Para abalanzarme
Para abalanzarme
Contra a arpa
Contra as irmás da arpa
Contra os panos
Para abalanzarme
Para abalanzarme
Para abalanzarme

 

Contra o Número Áureo.

 

 

Carballo, versión II (Historia dunha palabra)

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Comentarios fóra de lugar | Posted on 28-11-2017

Un día, disque da Idade de Pedra, alguén, probablemente unha muller, estaba, poñamos, apañando landras. Cando xa tiña o cesto cheo, tocou a cortiza da árbore que se erguía dediante dela, alzou a vista ás pólas, ficou un intre pensando e dixo por vez primeira: ¨Carballo.¨
10.000 anos, cando menos, despois, un soldado romano apuntou coa súa espada á tataratataraneta daquela muller, que estaba tamén a apañar landras, e guindoulle: ¨Iso non se chama ´carballo´. Chámase ´robur´.¨ A partir de entón, a muller, cando estaba arrodeada de romanos, dicía ¨robur¨, mais no seu cor seguía a ecoar ¨carballo¨…
11.500 anos, cando menos, despois, un soldado español apuntou coa súa espada á tataratataraneta daquela muller, que estaba tamén a apañar landras, e guindoulle: ¨Iso non se chama ´carballo´. Chámase ´roble´.¨ A partir de entón, a muller, cando saía da súa aldea, dicía ¨roble¨, mais no seu cor seguía a ecoar ¨carballo¨…
Hoxe, cada día son menos as nenas e os nenos que senten ecoar no seu cor esas tres sílabas: ¨Car-ba-llo¨…
Mais a palabra fica, sobrevive aínda, tan teimudiña…

Carballo

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Comentarios fóra de lugar | Posted on 28-11-2017

CARBALLO

Un día, alguén -se cadra unha muller- pronunciou por vez primeira a palabra ¨carballo¨. Un día, seica, da Idade de Pedra. (E a palabra ¨cosco¨, e a palabra ¨carqueixa¨, e a palabra ¨meda¨…) Non é de estrañar, daquela, que o lubre da carballeira sexa o lugar máxico, ritual, comunal por excelencia do meu país, do meu pobo. Non é de estrañar que aínda arestora en algures se lle renda culto ó carballo, se depositen velas, exvotos… a carón das súas raíces.
Aquil día sublime, faltaban cando menos 10.000 anos pra que o Imperio Romano invadise a Gallaecia, e nos impuxese a palabra ¨quercus¨. Aquíl día marabilloso faltaban cando menos 11.500 anos pra que o Imperio Español asoballase o Reino de Galicia e nos impuxese a palabra ¨roble¨….
Secasí, a palabra -tan teimuda ela!- ficou, sobreviviu…
Nin a palabra ¨carballo¨ nin a árbore que nomea deberían desaparecer endexamais da face da terra. Nin a palabra ¨roble¨, xaora, nin a palabra ¨oak¨…
E quen non comprenda iso, quen non defenda iso non é dign@ de xacer, de soñar su as pólas de árbore ningunha.

Carballo do Anxo, 1.500 anos de idade.

Jean-Pierre Duprey traducido por Álvaro Cunqueiro

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Amig@s, Traducións alleas | Posted on 21-11-2017

O meu amigo e compañeiro do GSG, Xesús González Gómez, envíame iste novo achado: un poema de Duprey traducido, con pseudónimo, por Cunqueiro:
Scan-1

Surreal Campo das Estrelas

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Amig@s, Artigos alleos, Superrealismo | Posted on 01-11-2017

O mestre que non se cre tal, Xesús González Gómez, envíame iste artigo de Álvaro Cunqueiro -que os honra sobremaneira, a Cunqueiro e a González, quen o recolleu nun volume de artigos do primeiro.
Sempre me pareceu moi inxusto que a maioría dos poetas do 27 -agás excepcións, coma Cernuda- negasen a innegable influencia do superrealismo nas súas obras -cando, sen il, nin Lorca, nin Aleixandre, nin Alonso… terían escrito as súas mellores obras. E, niste senso, non podo senón quitarme o chapeu dediante de Cunqueiro.
Eluard compostela