Carballo, versión II (Historia dunha palabra)

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Comentarios fóra de lugar | Posted on 28-11-2017

Un día, disque da Idade de Pedra, alguén, probablemente unha muller, estaba, poñamos, apañando landras. Cando xa tiña o cesto cheo, tocou a cortiza da árbore que se erguía dediante dela, alzou a vista ás pólas, ficou un intre pensando e dixo por vez primeira: ¨Carballo.¨
10.000 anos, cando menos, despois, un soldado romano apuntou coa súa espada á tataratataraneta daquela muller, que estaba tamén a apañar landras, e guindoulle: ¨Iso non se chama ´carballo´. Chámase ´robur´.¨ A partir de entón, a muller, cando estaba arrodeada de romanos, dicía ¨robur¨, mais no seu cor seguía a ecoar ¨carballo¨…
11.500 anos, cando menos, despois, un soldado español apuntou coa súa espada á tataratataraneta daquela muller, que estaba tamén a apañar landras, e guindoulle: ¨Iso non se chama ´carballo´. Chámase ´roble´.¨ A partir de entón, a muller, cando saía da súa aldea, dicía ¨roble¨, mais no seu cor seguía a ecoar ¨carballo¨…
Hoxe, cada día son menos as nenas e os nenos que senten ecoar no seu cor esas tres sílabas: ¨Car-ba-llo¨…
Mais a palabra fica, sobrevive aínda, tan teimudiña…

Post your comment