A función da Poesía

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Robert Graves | Posted on 25-09-2011

         

‹‹A función da poesía segue a ser a mesma: a invocación espiritual da Deusa. Só cambiou a aplicación. Denantes era unha advertencia de que o ser humano debía manterse en harmonía coa familia das criaturas viventes entre as cales nacera, mediante a obediencia á Dona da Casa. Agora é un recordatorio de que non tivo en conta esa advertencia, de que trastornou a Casa cos seus caprichosos experimentos, [coa súa cobiza], estragándose il mesmo e asemade arruinando á súa familia.

          A actual é unha civilización na que son deshonrados os principais emblemas da poesía. Na que a serpe, o león e a aguia corresponden á carpa circense; o boi, o salmón e o xabaril á fábrica de conservas; o cabalo e o lebreiro ás pistas de apostas; e a lubre sagrada ó serradoiro. Na que a Lúa é menosprezada coma un satélite extinto da Terra e a muller considerada coma “persoal auxiliar do Estado”. No que o diñeiro pode mercar todo agás a verdade e a todos agás ó poeta posuído pola verdade.>> (Robert Graves, A Deusa Branca)