Manifesto do Movemento Surrealista Internacional contra o chamado ¨Surrealism Now¨

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Movemento Surrealista Internacional | Posted on 20-01-2018

NON! AO REGRESO DOS TEMPLARIOS DO LIXO
Sobre as actividades fraudulentas de ¨Surrealism Now¨

O que hoxe se etiqueta como ¨arte¨ non ten nada que ver coa Imaxinación e o Marabilloso, e na maioría dos casos, non é máis ca unha versión reinventada do miserabilismo que domina o mundo. Xaora, hai excepcións: eses brillos osixenados que perseguimos na nosa procura do ouro do tempo, marabillas inspiradas que nunca seguirán as regras da estética académica. O que de verdade nos interesa no terreo artístico é o acto de crearmos en si, máis cós resultados: como xa o deixou ben claro André Breton en 1929, no seu ensaio ¨Surrealismo e pintura¨, non existe unha ¨arte surrealista¨ como tal. A pintura, a poesía, a fotografía, a escultura e mailo cine, entre outras actividades, son, para nosoutras e nosoutros, medios para transformarmos a nosa relación co mundo. A inspiración poética non é un fenómeno secundario para todas e todos nós; é algo esencial para toda arte auténtica. Abandonar a inspiración poética a prol das presións sociais ou do mercado daría lugar á absurda consecuencia de destruír o espírito creativo en si.

A submisión total aos códigos sociais conformistas e ás regras do mercado por parte dunha asociación de pseudoartistas que se fan chamar enganosamente ¨Movemento Internacional Surrealism Now¨ obríganos a previr a todas e a todos os simpatizantes do surrealismo contra semellante banda de estafadores e de proveedores de lixo.

Baixo o liderado dun tal Santiago Ribeiro, esta agrupación xa se manifestou, en 2014, nunha exposición colectiva na histórica Sé dos Cabaleiros Templarios da cidade de Condeixa, preto de Coimbra, Portugal.

Agora, a mesma banda, aínda dirixida polo Sr. Ribeiro, quen informou aos medios de que el é “o líder principal” do “grupo surrealista máis grande do mundo”, con máis de cen participantes de máis de vinte e cinco países, disque, e que conta con tantos artistas de pintura mural relixiosa e militaristas entre os seus membros, está unha vez máis expoñendo en Condeixa -evento amplamente publicitado. Velaquí algunhas citas dunha entrevista con Santiago Ribeiro que deitan algo de luz verbo da ¨filosofía¨ da empresa ¨Surrealism Now¨:

¨O surrealismo no século XXI é completamente diferente do movemento que apareceu en 1924, cando Breton lanzou o seu manifesto. As realidades de hoxe son completamente diferentes: arestora temos o calentamiento global, o capitalismo xeneralizado e unha forma completamente diferente de comunicar…¨

¨Se o surrealismo quere sobrevivir, ten que vivir de acordo coa era actual…¨

¨O surrealismo, segundo os principios de Breton, non é algo ao que me gustaría pertencer…¨

¨A miña propia pintura ten unha antiga atmosfera de crucifixión…¨

¨Algo que non existe, a iso chamo eu eu chamo surreal…¨

¨Hai lugares no noso país de tal beleza que aproveitamos a oportunidade para falar sobre a súa riqueza cultural e histórica, mentres promovemos a nosa arte asemade…¨

Perante estas afirmacións e actuacións, perante este oportunista Ribeiro e a súa banda de ¨Surrealism Now¨, nosoutras e nosoutros retrucamos:

MALDITOS! As aspiracións do verdadeiro surrealismo están noutra parte, [XALUNDES]: a chegada dunha nova civilización na que a realidade banal deveña unha marabillosa surrealidade. Nós desprezamos as vosas ridículas, demagóxicas e cacofónicas manifestacións porque falsifican as ambicións e mailas aspiracións do surrealismo tentando obter réditos comerciais mediante unha actividade fraudulenta.

SINADO POR:

Xoan Abeleira; Jaime Alfaro; Alberto Assumpção; Melatonino Beal; Magdalena Benavente; Jan Bervoets; Verónica Cabanillas; Miguel de Carvalho; Eugenio Castro; José Miguel Pérez Corrales; Daniel Cotrina; David Coulter; Kenneth Cox; Célia Cymbalista; Luke Dominey; Guy Ducornet; Kathleen Fox; Victor Fuentes Marambio; Tono Galán; Javier Gálvez; Guy Girard et les autres membres du Groupe de Paris du Mouvement Surréaliste; Xesús González Gómez; Allan Graubard; Vicente Gutiérrez Escudero; Janice Hathaway; Beatriz Hausner; Mazo Heck; Rodrigo Hernández Piceros; Dale Houston; Bill Howe; Karl Howeth; Joseph Jablonski; Bruno Jacobs; Alex Januário; Patrick Lepetit; Sergio Lima; Rik Lina; Léo Litha; Michael Löwy; Alexandre Magno; Lurdes Martínez; Armando McMurray; Richard Misiano-Genovese, Luiz Morgadinho; David Nadeau; Peter Overton; Jean-Pierre Paraggio; Gregorio Paredes; Nelson de Paula; Seixas Peixoto; Pierre Petiot; Pedro Prata; Carlos Rangel; Raman Rao; Alejandro Rejon Huchin; John Richardson; José Manuel Rojo; Penelope Rosemont; Enrique de Santiago; Gregg Simpson; Dan Stanciu; Ludovic Tac; Jonathan Tarry; Laurens Vancrevel; Rodrigo Verdugo Pizarro; Cristina Vouga; Claudia Vila; Her de Vries; Richard Waara; Zazie Evi Möchel;
siendo miembros de los siguientes grupos: Cabo Mondego Section of Portuguese Surrealism; Grupo Surrealista de Madrid; Leeds Surrealist Group; Groupe de Paris du Mouvement Surréaliste; Chicago Surrealist Group; Xalundes/Grupo Surrealista Galego; Brumes Blondes, Holland; Grupo Surrealista Derrame (Chile); Grupo Surrealista de São Paulo; Grupo Surrealista Agharta (Chile); Grupo DeCollage (São Paulo); Groupe le Vertèbre et le Rossignol; Peculiar Mormyrid Group;
unidos e unidas surrealistas independientes e simpatizantes;
actuando xuntos polo Movemento Surrealista Internacional.

[Publicado en varias linguas. Tradución ó galego de X.A. ]