Microrrelato anarquista

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Propostas culturais, Relatos de meu | Posted on 16-03-2011

“E isto como se come?”, preguntoulle o neno etíope/afgán/iraquí/haitiano… ó soldado capitalista que lle deu unha game boy.

Unha dedicatoria

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Relatos de meu | Posted on 06-08-2010

Hoxe é venres seis de agosto do ano 2010.

      A semana pasada merquei un libro de segunda mao vía internet. Unha escolma de poesía indíxena norteamericana que vén de traerme a carteira. Su a páxina do título, Shaking the Pumpking, poden lerse estas palabras escritas con tinta negra:

 

Mark, my love,

Perhaps the next one of these we buy together will have your poems in it. Happy 1979.

Forever,

Carla.

 

     O libreiro que mo vendeu cobroume 14 dólares mailos gastos de envío. A carteira que mo subíu levaba seis meses de baixa por mor dunha depresión.

     Non sei qué lle aconteceu.

 

O paraugas

Posted by Xoán Abeleira | Posted in Relatos de meu | Posted on 23-01-2010

Babuñaba. No medio desa mera-mexadeira propia dalgunhas mañás do outono coruñés. Il levaba aberto o paraugas vermello e negro, con choliña de parrulo, a xeito de mango, que mandara facer ex profeso nalgures… Catro Camiños, nunha tenda que xa pechara. De feito, viña lembrando cómo, unha media hora antes, en chegando á Rúa Nova,  Paulino exclamara: “Qué bo, iste paraugas!”. “Si”, retrucara il, “éche grande dabondo… pensado xustamente pra cubrir unha parella”.

Serían xa… contra as dúas? Ó cruzar a Praza da Leña oíu unha voz lene: “Perdoa, tes lume?” Il asentiu coa cabeza, sen levantar a ollada, coidando como ía tan só en chegar á casa, paparse outra pastilla e meterse na cama axiña, a fin de matar, tamén ise serán, outra parte do día. Sacou un dos tres chisqueiros que sempre carrexaba no peto do abrigo e decatouse, iso si, de que a chama era mínima, apenas quedaba gas… cando ocorreu aquilo. A muller debeu de fixarse nise anel de prata, adobiado cunha runa, que il aínda lucía no dedo medianiño mentres sentía… aquilo. Novamente aquilo: un arrepío que o estarreceu ó longo do espiñazo, ó notar o contacto dela, mentres esta lle acubillaba con dozura a mao, conformando unha paréntese, se cadra unha buguina, outra clase de paraugas, nas súas.

O xesto, abofé, non tiña a menor importancia, ninguén o apreciaría. Pero il… Aquela era a primeira vez en… cánto, cánto tempo?… catro, cinco anos que alguén… non xa unha muller senón alguén, unha persoa lle acariñaba a mao.

 

 

escultura-los-paraguas-del-griego-yorkos-songolopuolus

(“Inéditos con firma”, suplemento Luzes, El País, 22 de xaneiro do 2010. A versión publicada aquí -a orixinal, en realidade- é, xa que logo, distinta da que apareceu no xornal.)